logo paquebote
10 libros encontrados buscando autor: Xabier Paz

www.paquebote.com > Xabier Paz

Orden: · Ver: · Tipo:
ISBN:

9788411103633

O libro e o tapiz

Editorial: Xerais   Fecha de publicación:    Páginas: 304
Formato: 23 x 15,5 cm.
Precio: 19,50
Añadir a la cesta
Disponible. Normalmente se envía en 3 días.

Entre os séculos XI e XII as figuras da raíña Urraca I e do arcebispo Diego Xelmírez enchen un tempo decisivo na nosa historia. Daquela, Galiza foi resgardo seguro da cristiandade ibérica, lugar onde se criaban os fillos dos reis. Nesta novela de Xabier Paz, ademais dos sucesos históricos e dos personaxes creados pola historiografía dominante, asoman os seres humanos que só a literatura é quen de revelar.
Enfrontadas entre si, estas dúas figuras cimeiras van evidenciando cadanseu propósito de dominio nun relato que sucede no marco das loitas entre o poder laico e o eclesiástico, e a reforma gregoriana sustentada pola orde de Cluny. As fronteiras indecisas e as alianzas efémeras, o auxe relixioso e cultural de Compostela e do Camiño, o papel dos magnates galegos na crianza de reis, o nacemento de Portugal como póla esgazada do reino de Galiza... Estes son algúns dos fíos que conforman o pano onde se desenvolve a tirapuxa entre o arcebispo e a raíña.
Xabier Paz volve ofrecernos a súa narración precisa e suxestiva para nos transportar a un tempo apaixonante, berce axitado de mitos políticos e culturais propios e alleos, febra consistente da identidade histórica galega.


ISBN:

9788496475052

154.NO CANTO DO MAR (POESIA)

Editorial: Espiral Maior   Fecha de publicación:   
Precio: 15,00
Lo lamentamos, pero este libro no está ya disponible.


ISBN:

84-9782-298-6

Follas do bacallau

Editorial: Xerais   Fecha de publicación:    Páginas: 336
Formato: Rústica, 14,50 x 22 cm.
Precio: 22,50
Lo lamentamos, pero este libro no está disponible en estos momentos.

Un feixe de mariñeiros galegos está a largar as redes nas augas polares do arquipélago Spilbergen, entre placas de xeo, nunhas latitudes que nin sequera veñen nos mapas. Son bacalloeiros. Follas do bacallau de Xabier Paz abala entre o diario persoal, como unha bitacora ou diario de a bordo, o apuntamento memorialistico e, sobre todo, a crónica do mundo da pesca do bacallau. Relatado desde o punto de vista dun biologo que saber converter a crónica en literatura, este libro dalle voz aos mariñeiros, cada un coas suas preocupacions persoais, esas que adoitan saír nas nas confidencias das caldeiradas nocturnas: os problemas de saúde da muller, a voda próxima da filla, a merca dun novo coche, as letras do piso... Anécdotas, reflexións na soidade asoballante do mar, contos que os propios mariñeiros narran, a vida e o traballo de a bordo, a saudade, os labores da pesca, a dureza do día a día, o frío e unha intensa reflexión sobre a propia escrita dan forma a este libro singular e interesante.


ISBN:

978-84-9121-548-6

Galileo no espello da noite

Editorial: Xerais   Año:    Páginas: 336
Formato: Rústica, 15,50 x 23,00 cm.
Precio: 21,95
Añadir a la cesta
Disponible. Normalmente se envía en 3 días.

Galileo, un dos astrónomos máis célebres da humanidade, vese proscrito de vello, condenado polo Santo Oficio. El, que fora filósofo oficial na corte dos Medici e persoa reputada e achegada á curia pontificia, agora está maldito. Desde a vellez, o sabio cavila sobre a súa vida e a súa desgraza. Galileo no espello da noite é unha novela que nos mergulla na súa propia memoria, a través
da que desfilan o cativo acosado pola nai, o estudante irreverente, o home testalán, o pai de familia e o filósofo e científico xenial. Sen esquecer a importancia que tiveron as mulleres na súa vida, sobre todo a súa filla, a narración vai compoñendo o tapiz dunha traxedia na que, canto máis avanza o seu coñecemento dos ceos máis o apertan as ameazas dos rivais e inimigos.


ISBN:

978-84-9121-137-2

Aníbal e a Pintora

Editorial: Xerais   Año:    Páginas: 376
Formato: Rústica, 14,5 x 22 cm.
Precio: 22,50
Añadir a la cesta
Disponible. Normalmente se envía en 3 días.

Aníbal e a Pintora é unha novela que conta a historia dos devezos de Aníbal Moreda á procura da incerta verdade sobre a vida da pintora Artemisia Gentileschi, artista descuberta a partir dun lenzo atopado en Internet. Un mangado de libros e medio cento de ruíns reproducións de cadros serán os materiais para fundar unha estraña relación que rematará por mirrar o esforzado amador. Un amigo seu recollerá os escritos deixados por Aníbal e tentará elucidar esa relación internándose, tamén el, no impensable sorbedoiro dunha paixón quimérica. Nos papeis de Aníbal, recreados polo seu amigo, un rodopío de personaxes famosos, papas e artistas enchen as páxinas do gran fresco barroco onde se entretecen as artes coas paixóns humanas no epicentro da gran cultura europea do século XVII. Nesa altura, Roma transfórmase en capital do mundo e taller da Cristiandade, ensaiando un nacente dramatismo para alicerzar a punxente piedade da Contrarreforma xesuítica. Triunfan pintores como o Caravaggio e escultores como Bernini, que fascinan a curia. Nese colosal obradoiro nace, e aprende a pintar co seu pai, Artemisia a moza chamada a ser a gran pintora do seu tempo. Orfa de nai aos doce anos, será violada e sufrirá un dilatado e infamante proceso público. Estas esgazaduras cicelarán un temperamento de rara afouteza. A ardencia e a coraxe guiarán a súa vida de artista e muller libre.


ISBN:

978-84-9121-914-9

A Barcelonesa

Editorial: Xerais   Año:    Páginas: 272
Formato: Rústica
Precio: 19,50
Añadir a la cesta
Disponible. Normalmente se envía en 3 días.

En «A Barcelonesa» a morte desencadea a narración. Un edifico notable, que liga a montaña luguesa coa Habana, coa Mariña e coa cidade da Coruña, atravesa tres xeracións como testemuña dos seus avatares e define o espazo vital de avós, pais e fillos. Nesta novela tan persoal, Xabier Paz reconstrúe, coa súa habitual vocación estilística, os case cen anos de tensión entre a vida familiar e os acontecementos sociais que conforman as biografías particulares e vontades dos personaxes: a emigración cubana, o retorno triunfal, a guerra, a ruína económica e a loita pola supervivencia érguense como metáfora do país. A memoria vai compondo esta narración a dúas voces nun intento de completar a mera visión individual. Os dous narradores coa mesma partitura interpretan cadencias ben diferentes. O contraste entre a visión sensual e distante coa máis íntima e identitaria permite a contemplación contrastante dun pasado común. O edificio familiar, cumpridos os cen anos, aparece como sede da memoria doméstica e social, lugar onde reclamar os ausentes.


ISBN:

84-9782-474-1

Materia de Lucrecio

Editorial: Xerais   Año:    Páginas: 96
Formato: Rústica, 14,5 x 22
Precio: 16,95
Añadir a la cesta
Disponible. Normalmente se envía en 3 días.

Materia de Lucrecio de Xabier Paz é un poemario concibido na tradición de pensamento liberador e cívico, amecendo a visión filosófica e científica coa poética: un libro que constitúe unha reflexión sobre a orixe e o devir do Cosmos, sobre a existencia e o coñecemento humanos neste desolado pórtico do século XXI. A emoción e a estrañeza do vivir ven suxeita pola rédea do coñecemento científico que se expón non exento de ironía. O desconcerto da conciencia, limitada, dexergando o Universo ilimitado e a vertixe da visión cosmolóxica na súa inmensidade, procuran acougo no acicate do coñecemento obxectivo e poético da materia, do seu devir. O ser humano, tenta recoñecerse na parte non arredada do Universo apalpando as súas leis. O coñecemento poético do posible como guieiro: poesía da materia. Poesía non como asombro polo íntimo, senón como indagación no que de común temos na nosa individualidade, a busca dunha estética antropolóxica. Poesía da experiencia, pero non da experiencia persoal e individual senón da experiencia comunitaria que nos outorga o herdo comunal do coñecemento científico.


ISBN:

978-84-9914-882-3

A galera de Xelmírez

Editorial: Xerais   Año:    Páginas: 160
Formato: Rústica, 14,5 x 22 cm.
Precio: 19,95
Añadir a la cesta
Disponible. Normalmente se envía en 3 días.

Por encargo do arcebispo de Compostela dous homes novos e un mozo parten de Pisa cara a Iria para construír unha nave de guerra. O piloto e mestre Fuxón Bonincontro, o carpinteiro de ribeira Stefano Bagnoli e o aprendiz Francesco Nuti atravesan a península polo camiño como tantos outros peregrinos, inda que eles non o sexan. O que non saben é que esa viaxe os vai transformar radicalmente. Deixado o amparo da rutina, o Mundo, o Demo e a Carne asexan os viaxeiros cos seus galanos. A viaxe, nas súas novidades e encontros, suporá unha vía de autocoñecemento de consecuencias tráxicas.
Fuxón vai ser o máis afectado. O lado escuro da propia sexualidade e o descubrimento de certas propiedades dalgunhas plantas provocarán nel unha fascinación irreparable. Co decorrer das xornadas mudarán as relacións entre Fuxón e Stefano, que deixarán de ser quen eran. A galera, sombra esvaecida na conciencia de Fuxón, tornará en grave obriga para Stefano.
Co pano de fondo da loita polo poder relixioso e político, os tres viaxeiros apenas gustarán de canto lles ofrece o camiño: a presenza islámica, as novidades litúrxicas, as vilas rebuldeiras, as feiras..., para eles todo semella espectáculo antes que realidade. Tan só Francesco, coa súa inocencia, será quen de evitar os perigos nos que naufragan os seus compañeiros e conseguirá adaptarse no novo país.
Escrita cun estilo coidado que fai desta novela unha magnífica peza literaria, Xabier Paz retorna para ofrecerlles aos seus lectores e lectoras a mellor narrativa.


ISBN:

9788497828222

Renacer

Editorial: Xerais   Año:    Páginas: 304
Formato: Rústica
Precio: 22,50
Lo lamentamos, pero este libro no está ya disponible.

Despois da morte do pornógrafo Aretino, a súa filla Adria navega pola súa intimidade, esculca no seu interior na procura de verdade acerca do pai, amante, xuíz e verdugo que marcou a súa existencia dende o afastamento convertido en fantasía permanente. O canon da época, as diferentes concepcións pictóricas e literarias da Venecia do século XVI proxéctanse sobre os personaxes, interactúan con eles até crear unha amálgama onde as obras e autores son protagonistas. As páxinas de Renacer, a primeira novela de Xabier Paz, revelan unha vida marcada por un home contraditorio; distante e rexo na casa, mais promiscuo nas súas relacións sociais, a vida dunha muller obrigada a cumprir a vontade do pai, da que fose con nocturnidade para topar o bálsamo consolador en Carmina: amiga, amante e centro da súa vida clandestina.


ISBN:

978-84-9914-487-0

As vidas de Nito

Editorial: Xerais   Año:    Páginas: 400
Formato: Rústica
Precio: 23,95
Lo lamentamos, pero este libro no está ya disponible.

Casiano Cendán Rocha, un home de idade que vive nunha residencia, fai memoria da súa vida a través das conversas coa súa neta Aldara, que remexe nel os sedimentos máis íntimos. Canto importa o corpo? Que lle sucede a un neno que non medra como é debido? Para Casiano, durante a infancia e a puberdade, o seu corpo foi fonte de desacougo e estrañeza. Logo, xa adulto, a súa paixón por África converteuse no referente dunha existencia chea e dorida.
As visitas da súa neta actúan como o catalizador de inesperados procesos íntimos. Casiano debulla recordos para compoñer a esquecida historia da súa nenez e puberdade. Desde a chegada da Coca-Cola até a traizón da Transición, é retratada unha época que case todos queren esquecer. Na lembranza desfilarán as angueiras de Nito, un neno de anómalo e lento medrar, a súa perplexidade ante a rareza, a dor da diferenza, a educación relixiosa, a perda da inocencia, o asalto da sexualidade...
Aldara recibe estrañada as disertacións do avó, visita tras visita, desde a historia de Papá Noel até a termodinámica da vida, desde a literatura até as vantaxes da morte. Unha desolada lucidez, non exenta de humor, percorre o texto desta novela na voz do narrador. As vidas de Nito é unha novela escrita cun enorme poder evocativo e cunha vontade estilística arrebatadora.



[1-10]  

Si no ha encontrado el libro que busca, pinche en nuestro servicio de Pedido Directo y pídanoslo.

Volver a Página Principal

Otras novedades


© Paquebote 1998-2024 Todas las secciones | Ayuda | Aviso Legal